A Facultade de Educación e Traballo Social conta con recursos materiais e servizos adecuados e suficientes para o desenvolvemento das actividades formativas planificadas no máster. Así mesmo, as instalacións cumpren cos requisitos de accesibilidade que marca a normativa vixente. Regularmente avalíase a accesibilidade dos mesmos para persoas discapacitadas e todos os anos revísanse e eméndanse as posibles incidencias respecto diso en colaboración co Vicerreitorado correspondente e a Unidade Técnica da Universidade de Vigo.
O máster pode utilizar os recursos materiais e servizos dos que dispón tanto a FETS como do campus. Comparte espazos e equipamentos con outras titulacións de grao (Educación Primaria, Educación Infantil, Traballo Social) e posgrao.
As actividades docentes e de servizos distribúense en diversos edificios:
- O Edificio Facultades no que se atopan, entre outras instalacións, as aulas, moitos laboratorios e os servizos do Decanato da Facultade.
- Pavillón 1 e Pavillón 2 nos que se atopan os despachos do profesorado, así como seminarios e algúns laboratorios.
A Facultade realizou as modificacións necesarias que garanten a accesibilidade: prazas de coche reservadas para minusválidos físicos, servizos hixiénicos adaptados, sinalizacións en Braille nos ascensores, etc.
Convenios
O centro onde se imparte o máster, a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, ten unha dilatada experiencia xestionando o Prácticum das titulacións das diferentes especialidades de Maxisterio, Traballo Social, Educación Social e Psicopedagoxía. Por este motivo, existen numerosos convenios con diferentes institucións ás que acode o alumnado desta Facultade para realizar as súas prácticas. Na actualidade, os convenios están en fase de revisión, pois a duración do Prácticum nos Graos variou con respecto ás Diplomaturas, polo que é necesario asinar convenios novos. Nestes momentos, todos os convenios que asina a Universidade para prácticas curriculares externas son aplicables a todas as titulacións, sen diferenciar graos ou mestrados.