Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Facultade de Educación e Traballo Social conta con recursos materiais e servizos adecuados e suficientes para o desenvolvemento das actividades formativas planificadas no mestrado. Así mesmo, as instalacións cumpren cos requisitos de accesibilidade que marca a normativa vixente. Regularmente avalíase a accesibilidade dos mesmos para persoas en situación de discapacidade e todos os anos revísanse e eméndanse as posibles incidencias respecto diso en colaboración coa vicerreitoría correspondente e a Unidade Técnica da Universidade de Vigo.

O mestrado pode utilizar os recursos materiais e servizos dos que dispón tanto a FETS como o campus. Comparte espazos e equipamentos con outras titulacións de grao (Educación Primaria, Educación Infantil, Traballo Social) e posgrao.

As actividades docentes e de servizos distribúense en diversos edificios:

  • O Edificio de Facultades no que se atopan, entre outras instalacións, as aulas, moitos laboratorios e os servizos do decanato da facultade.
  • Pavillón 1 e Pavillón 2 nos que se atopan os despachos do profesorado, así como seminarios e algúns laboratorios.

A facultade realizou as modificacións necesarias que garanten a accesibilidade: prazas de coche reservadas para persoas con mobilidade reducida, servizos hixiénicos adaptados, sinalizacións en Braille nos ascensores, etc.

Máis información

Convenios

O centro onde se imparte o mestrado, a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, ten unha dilatada experiencia xestionando o Prácticum das titulacións das diferentes especialidades de Maxisterio, Traballo Social, Educación Social e Psicopedagoxía. Por este motivo, existen numerosos convenios con diferentes institucións ás que acode o estudantado desta facultade para realizar as súas prácticas. Na actualidade, os convenios están en fase de revisión, pois a duración do Prácticum nos estudos de grao variou con respecto ás diplomaturas, polo que é necesario asinar convenios novos. Nestes momentos, todos os convenios que asina a universidade para prácticas curriculares externas son aplicables a todas as titulacións, sen diferenciar graos ou mestrados.