Xustificación do título. Interese académico, científico e profesional

Convivir coa diversidade, e sobre todo aprender de e con ela, é un requisito necesario para o desenvolvemento harmónico das sociedades actuais. O máster xorde da constatación de que nos ámbitos educativos, tanto formais como non formais, está presente esa diversidade.

Non poden, nin as institucións, nin os profesionais que nelas exercen, ignorar tal situación, debendo atender as demandas que a sociedade reclama a través dos individuos e dos colectivos afectados. Son numerosas as referencias que, nas diferentes normativas educativas (e.g. Lei Orgánica 2/2006 de Educación, Real Decreto 1513/2006, do 7 de decembro, polo que se establecen os ensinos mínimos da Educación Primaria; Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia….), suxiren a necesidade de que os mestres e o profesorado das diferentes etapas aborden a intervención educativa prestando unha especial atención á diversidade do estudantado.

A pesar da relevancia que a lexislación outorga a este aspecto, a formación que actualmente reciben tanto o profesorado dos distintos niveis educativos, como equipos directivos, orientadores, educadores sociais e outro profesionais socio-comunitarios, non contempla dunha maneira holística a temática da diversidade. Por este motivo é necesario cualificar aos profesionais que exercen nestes ámbitos laborais complexos, algúns deles emerxentes, adaptando así a súa formación e actuación profesional ás novas esixencias dunha realidade na que se reclama ao tempo a igualdade, a compensación de desigualdades, e o dereito á diferenza.

Para cubrir esta lagoa formativa, a organización académica deste máster contempla diferenzas orixinadas por trazos tanto persoais, como culturais e comunitarios, reflectindo a situación real que se sucede no mundo educativo e social actual. Os profesionais relacionados co ámbito educativo terán a oportunidade de reflexionar e de adquirir competencias para actuar en contextos nos que poida estar presente unha diversidade orixinada por capacidades persoais, xénero, idade, sistemas lingüísticos e culturais, así como, situacións socioeconómicas diferentes, ámbitos que se recollen no amplo marco da atención á diversidade.

O máster reflicte a diversidade recollida na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, que, no seu título dedicado á Equidade na Educación, inclúe os campos que serán tratados neste máster:

  • O estudantado que presenta necesidades educativas especiais.
  • O estudantado con altas capacidades intelectuais.
  • O estudantado con integración tardía no sistema educativo español.
  • A compensación das desigualdades en educación, que tamén abarca a igualdade de oportunidades no mundo rural.

Ademais, o máster é coherente e potencia os estudos universitarios relacionados co ámbito educativo, formal e non formal, e con aqueles que se integran nos servizos sociais que serven de apoio ao bo facer das institucións educativas, non coincidindo, ademais, os seus contidos con ningún outro programa de posgrao galego.

Relaciona e amplía a formación que ofrecen os títulos Grao en Educación Infantil, Grao en Educación Primaria, Grao en Educación Social, Grao en Traballo social, integrados tanto no sistema universitario galego, como na Universidade de Vigo, titulacións todas elas demandadas socialmente, como pode constatar na evolución da matrícula dos últimos cursos académicos.

Tanto os módulos nos que se estrutura o máster, como o seu profesorado (formación académica, liñas de investigación e experiencia profesional) e os ámbitos laborais nos que se realizarán as prácticas previstas, integran adecuadamente o carácter interdisciplinar e o grao de especialización necesaria para atender a formación e os perfís profesionalizantes que require actuar na diversidade.

Os obxectivos formativos deste máster dan continuidade aos estudos de Grao da Universidade de Vigo, e adecuanse ao Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior, MECES e a descrición dos seus niveis, tal e como se establece no Real Decreto 1027/2011, do 15 de xullo.

Segundo o mencionado decreto, o nivel de máster constitúese no nivel 3 do MECES, no que se inclúen aquelas cualificacións que teñen como finalidade a adquisición polo estudantado dunha formación avanzada, de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada á especialización académica ou profesional, ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras.

 

Descrición dos procedementos de consulta empregados

A descrición do proceso de revisión e consulta na Universidade de Vigo foi a seguinte:

  • Exposición pública da Memoria no Centro e período de alegacións
  • Aprobación da Memoria en Xunta de Centro
  • Exposición pública da Memoria ante a comunidade universitaria e apertura dun prazo de alegacións á proposta
  • Revisión técnica da proposta por parte do Vicerreitorado competente
  • Modificación da proposta en función da revisión e alegacións presentadas
  • Aprobación en Xunta de Centro da Memoria definitiva
  • Información da Comisión de Estudos de Posgrao da Memoria definitiva
  • Aprobación da proposta en Consello de Goberno da Universidade de Vigo da Memoria definitiva
  • Aprobación da proposta en Consello Social da Universidade de Vigo da memoria definitiva
  • Análise da demanda desde a implantación do máster ata a actualidade

Análise de diferentes fontes escritas

  • Plans de estudo dos Graos de Educación Infantil, Grao de Educación primaria, Grao de Educación social e Grao en Traballo social.
  • Lexislación aprobada e borradores, así como documentos sobre o espazo europeo de educación superior (estatais e autonómicos), tanto os relacionados coa estrutura dos graos como aqueloutros que se centran na renovación metodolóxica e no deseño das guías docentes.
  • Guía do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e outras obras que incorporan información sobre os actuais graos e as súas saídas profesionais.

Consultas a expertos en diferentes foros

  • Seminarios, cursos…
  • Comunicación persoal cun dos autores do deseño do título de Grao de Pedagoxía e Educación Social, que forma parte do equipo docente do máster .
  • Consulta a profesionais implicados nos diferentes procesos de avaliación e mellora das titulacións de acceso ao máster .

Utilización de resultados extraídos de informes publicados, en especial o Estudo da inserción laboral dos titulados no Sistema Universitario de Galicia, realizado pola ACSUG.

Consulta de datos estatísticos

  • Estatísticas que reflicten o grao de satisfacción do estudantado actal do máster e egresado, o persoal empregador sobre a formación académica e a inserción laboral das persoas tituladas que poden acceder ao máster , extraídas dos informes das autoavaliacións das titulacións de acceso preferente ao máster .
  • Estatísticas sobre os recursos metodolóxicos e materiais que emprega o profesorado universitario das titulacións máis relacionadas co máster.

 

Referentes externos á Universidade

Para o deseño académico deste máster foron consultados os plans de estudo de diferentes másteres universitarios e outros estudos de posgrao, postos en marcha noutras universidades españolas e estranxeiras, relacionados coa temática multicultural ou de educación para a diversidade. Entre outros destacan os seguintes:

  • Máster en Educación en la Diversidad (UG)
  • Máster en Tratamiento Educativo de la Diversidad (UNED)
  • Máster en Atención a la diversidad y Educación inclusiva (URL)
  • Máster a distancia en Mediación intercultural desde la perspectiva de género (UVA)
  • Máster oficial de Educación Intercultural (UAB)

Tal e como mencionamos, estas temáticas tamén están presentes en posgraos de universidades estranxeiras, como, por exemplo:

  • Master’s Degree Programme in Cultural Diversity (UEF)
  • Master of Arts in Urban and Diversity Education (EMICH)
  • M.S. in Elementary Curriculum and Instruction: Emphasis in Diversity (CSU)
  • Master of Arts in International and Multicultural Educaction (USF)