Requisitos de acceso

Para acceder aos ensinos oficiais de máster será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado integrante do Espazo Europeo de Educación Superior que faculte no mesmo para o acceso a ensinos de máster.

Poden acceder ao máster os que estean en posesión dos títulos de Graduado en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Traballo Social, Pedagoxía ou Psicoloxía, así como os que estean titulados en estudos universitarios extinguidos equivalentes. Para este colectivo resérvanse 22 prazas.

Tamén pode acceder quen estea en posesión doutros títulos Universitarios Oficiais Españois, ou calquera outra Titulación Oficial Equivalente, para quen se reserva 6 prazas. De non cubrirse as prazas deste último grupo acumularanse ao colectivo xeral.

Estudantado estranxeiro

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior sen necesidade da homologación dos seus títulos, previa comprobación pola Universidade de que aqueles acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que facultan no país expedidor do titulo para o acceso a ensinos de posgrao. O acceso por esta vía non implica, en ningún caso, a homologación do titulo previo de que esté en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento a outros efectos que o de cursar os ensinos de máster.

Resérvanse 2 prazas para estudantado estranxeiro do EEES, con estudos relacionados coa educación ou a intervención social ou socioeducativa. Deberán posuír dominio oral e escrito aceptable do español, galego ou portugués. No caso de non ser cubertas estas prazas poderán ser acumuladas ao primeiro grupo.

Resérvanse 2 prazas para estudantado estranxeiro alleo ao EEES, con estudos relacionados coa educación ou a intervención social ou socioeducativa. Deberán posuír dominio oral e escrito aceptable do español, galego ou portugués.

 

Perfil de ingreso

O perfil idóneo de ingreso para o estudantado do máster é o de persoas que posúan intereses transversais especialmente vinculadas coas relacións interpersoais:

  • Interesarse polo desenvolvemento humano e comunitario.
  • Saber traballar en grupo, en equipos multidisciplinares, e en contextos de diversidade.
  • Posuír capacidade crítica, autocrítica e compromiso ético.
  • Interesarse pola formación democrática e solidaria e a resolución de conflitos.

Ao mesmo tempo, e dado o carácter de intervención do máster, o estudantado deberá ser capaz de asumir situacións de risco, ser creativo, e ser capaz de deseñar e avaliar programas de intervención educativa.