O Plan de Acción Titorial da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense configurase como o instrumento a través do cal se deseña o contido e a execución das distintas accións relativas á titoría universitaria.

Supón superar o modelo especificamente académico, unicamente preocupado pola transmisión de coñecementos, e apostar por un modelo educativo no que conflúen ademais funcións socio-educativas, baseadas en relacións recíprocas e interaccións titor-alumno, alumno-alumno, etc.

Preténdese ir consolidando unha liña de acción titorial coherente coas necesidades dos alumnos, normalizando as distintas accións e alcanzando un axeitado equilibrio entre as expectativas dos alumnos e os obxectivos que se expoñen no marco do Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, é de importancia destacar un dos principios polos que aposta o Sistema de Garantía de Calidade da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e ao que con este plan se trata de responder: a adecuación de métodos de ensinanza, aprendizaxe e avaliación á adquisición de competencias do alumnado, atención á diversidade, orientación á aprendizaxe, etc., recollidos dunha forma ampla en distintos capítulos do manual de Calidade e os Procedementos que o centro ten deseñado no marco do Real Decreto1393/2007 de 29 de outubro.

 

Obxectivos do PAT

A Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, coa implantación do PAT, márcase os seguintes obxectivos:

Obxectivos xerais

  • Establecer a titoría e a orientación profesional na universidade como modo de diversificar a axuda educativa ao estudantado durante o seu paso pola universidade.
  • Establecer un sistema de información, orientación e seguimento académico para o estudantado mediante a asignación dunha profesora ou profesor-titor.
  • Motivar unha participación activa do estudantado nos distintos aspectos da vida universitaria.
  • Ampliar a información que o estudantado ten sobre a Universidade, os servizos que ofrece, os proxectos nos que pode participar, as bolsas ás que pode optar….
  • Potenciar a capacidade de aprendizaxe autónomo do estudantado e as posibilidades de traballo colaborativo e en equipo.
  • Entender a función do docente como a dun axente que orienta e guía a aprendizaxe do estudantado para acadar progresivamente a regulación e xestión autónoma do mesmo.
  • Fomentar a capacidade de análise e resolución dos problemas e a toma de decisións baseada en criterios ben establecidos, que impliquen a necesidade de xuízo crítico e construtivo.

Obxectivos específicos

  • Mellorar a implicación do estudantado na Xestión do Centro.
  • Mellorar a satisfacción do estudantado coa formación recibida.
  • Reducir a taxa de abandono.
  • Dar cobertura ás necesidades de apoio formativo do estudantado.
  • Fomentar a inserción laboral do estudantado.